Thursday 02 de May de 2024

Últimos días para anotarse no Concurso de Disfraces de Frades, que terá lugar este domingo 7 de febreiro no polideportivo de Ponte Carreira


As inscricións poderán formalizarse no Concello ou no 981 695 567 antes do venres 5 de febreiro. Non se admitirán anotacións o día do concurso

1 de febreiro de 2015.- O Concello de Frades celebrará este domingo 7 de febreiro o seu tradicional Concurso de Disfraces, que terá lugar a partir das 17:00 horas no pavillón municipal de Ponte Carreira. Como non se aceptarán inscricións o día do concurso, aqueles interesados en participar deberán apuntarse no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567 antes das 14:00 horas deste venres 5 de febreiro.

O Concurso de Disfraces de Frades destina 1.020 euros a premios, divididos en dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado, que premiará os dous mellores disfraces de cada categoría, lembra que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos. Como novidade, este ano tamén premiarase con 60 euros o mellor disfrace individual de Frades, premio que se suma aos 120 euros o mellor grupo local.

Haberá premios de 300 e de 150 euros para os dous mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os dous gañadores do concurso de grupos levarán 100 e 50 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira a partir das 16:30 horas.

Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, música e unha gran chocolatada. Unha festa na que o ano pasado tomaron parte case oitocentas persoas, converténdose nunha das máis numerosas dos últimos anos.